Solapas principales

Adxudícanse as obras de pavimentación de viarios no núcleo de O Galiñeiro, en Agrón

Lunes, 06 de mayo de 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 18 de abril o contrato de obras de pavimentación de viarios no núcleo de O Galiñeiro, en Agrón. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Mantido SL por un importe de 125.889,49 euros (IVE incluído). Este proxecto está sufragado con cargo ao POS+ Adicional 2/2023. Ditas obras teñen o obxectivo de mellorar a pavimentación dos viarios do núcleo de O Galiñeiro, así como de varios dos seus accesos. Esta actuación súmase a outras obras que se están executando nas estradas de A Garea e Sandar, así como ás obras de pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns, todas elas na parroquia de Agrón.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinala que “continuamos adxudicando diversas obras sufragadas con fondos do POS+2023 da Deputación. Neste caso renovaranse os viarios interiores e de acceso do núcleo de O Galiñeiro, pertencente á parroquia de Agrón. O obxectivo é ir renovando e facer un mantemento dos camiños interiores das aldeas do rural. Respondemos deste xeito a unha das demandas máis frecuentes da veciñanza”.

Para o viario deste núcleo da parroquia de Agrón proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón HM – 20 con mallazo sobre 10 centímetros de zahorra, previa demolición do firme existente. En ámbalas marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.

Para o resto de viarios preténdese a mellora da capa de rodaxe con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf 50/70 a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con 10 centímetros grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Esta actuación afecta ao viario principal, que conta con dous treitos de 300 x 4.20 metros e 60 x 3.80 metros, ao camiño de acceso a O Pazo cunha lonxitude total de 250 metros e un ancho medio de 3.00 metros, ao viario de acceso a lugar de O Galiñeiro de 60 metros de lonxitude total e 3,20 metros de ancho medio e a un ramal de 65 metros de lonxitude e 3.20 metros de ancho, así como unha superficie de 150 metros cadrados destinada a abanicos do viario.

Ao longo de 350 metros dende o inicio do viario principal e ata a entrada do núcleo de O Galiñeiro executarase unha senda peonil cun ancho medio de 1.80 metros. Empregarase un pavimento de formigón HM – 20 con mallazo de 15 centímetros de espesor sobre 20 centímetros de zahorra e un bordo de formigón prefabricado na marxe exterior.

A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de polipropileno de 400 milímetros de diámetro. Na cuneta transitable disporanse arquetas con sumidoiro e no núcleo empregaranse arquetas con sumidoiro e canles de fundición dúctil con reixa para protexer a entrada dalgunhas vivendas.

Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal dos viarios, a súa sinalización horizontal e a colocación de 4 sinais de stop.

Outras actuacións na parroquia de Agrón
Tamén se están a desenvolver obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar, na parroquia de Agrón. Estas obras foron adxudicadas á empresa Aquablue Sistemas Constructivos SL por un importe total de 239.766,30 euros (IVE incluído). O proxecto, que forma parte do POS+2022, ten por obxecto que as estradas de ambos núcleos estean correctamente acondicionadas, incrementando a súa funcionalidade e seguridade.

Por último, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 14 de decembro a adxudicación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns, tamén na parroquia de Agrón, á empresa Obras y Viales de Galicia SL, por un importe de 131.420 euros (IVE incluído). As actuacións, que se enmarcan dentro do POS+2023, contemplan a mellora dos camiños interiores de dito núcleo e das vías de acceso.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames adxudica a pavimentación de viarios do núcleo de O Galiñeiro"

Imaxe do proxecto de O Galiñeiro

Multimedia

  • Imaxe do proxecto de O Galiñeiro
  • Imaxe do proxecto de O Galiñeiro