Pestanas principais

A Oficina de Software Libre organiza un taller de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores

Martes, 23 de abril de 2024

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, organiza un taller de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores. Esta actividade impartirase o sábado, 27 de abril, en horario de 11:30 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

O sábado, 27 de abril, volve a organizarse unha nova actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames. A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).

Esta é a primeira actividade da programación de 2024. Desta volta, impartirase un taller de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores. Esta actividade busca reducir a fenda dixital para os colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico. A posta a punto dun computador resulta fundamental para que poidas traballar de forma eficiente e sen necesidade de investir grandes cantidades de diñeiro.

Este obradoiro está dirixido a persoas que queiran aprender a instalar un sistema operativo libre, navegador, suite ofimática, reprodutor de audio e vídeo, programa de edición de imaxes dixitais, etc. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón. A actividade impartirase na Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames, situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:00 a 13:00 horas.

Divulgación das novas tecnoloxías en software libre
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de encontro onde aprender, compartir e construír.

Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu diferentes actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou o obradoiro “Aforra na túa factura da luz”; outro sobre “Automatización da túa casa, controla o teu fogar”; e un terceiro denominado “Repair café de equipos informáticos”.

A Oficina de Software Libre organiza un taller de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores