Pestanas principais

A radio municipal recibe a visita do integrantes da asociación Arcea-Adames

Luns, 22 de abril de 2024

As instalacións de Ames Radio, a radio municipal, recibiron esta mañá a visita dos usuarios e usuarias da asociación Arcea-Adames, que se achegaron para coñecer os estudos e participar no programa “Somos Ames” contando o seu día a día na asociación.

Esta mañá, un grupo de usuario e usuarias da asociación Arcea-Adames visitaron as instalacións de Ames Radio, a radio municipal, para coñeceren da man do seu equipo como funciona a emisora e a súa programación. Deste xeito, acompañados dos xornalistas de Ames Radio, Belén Martínez e Juan Luis Silva, e de dúas educadoras, once dos doce integrantes da asociación puideron acceder aos estudos da emisora para saber como funciona.

Locutores por un día
Así mesmo, puideron participar nun dos programas da grella diaria. Deste xeito, Juan, Nieves, Martín, Carlos, José Manuel, Eva, Mari Carmen, Robi, Jesús, José Ramón e Moncho convertéronse nos protagonistas do “Somos Ames”, o programa que se emite cada días ás 12:30 horas en Ames Radio.

Durante a gravación Natalia Castro, unha das educadoras, explicou que todos eles “tiñan moitas ganas de vir á radio, estaban entusiasmados con esta visita”. Tamén interviu Cristina Lamas, outra das educadoras, que explicou a rutina diaria que seguen na asociación: “Empezamos ás 9:00 e estamos ata as 17:00; de 9:00 a 11:00 traballamos nas caixas que estamos a facer para unha empresa de madeira. Despois facemos unha parada para o café, onde tamén aproveitan para facer recados, dar un paseo... Ás 13:30 comemos e despois teñen tempo de lecer ata as 17:00 horas”. Porén, precisou que as familias empregan o centro en función das súas necesidades: “Algúns entran ás doce, outros ás dez; hainos que marchan despois de comer... todo depende de cada situación particular”.

Visita da concelleira de Benestar Social
Ata Ames Radio tamén se achegou a concelleira de Benestar Social, Uxía García, acompañada de Rubén Ramos, técnico da Oficina de Voluntariado.

Durante a súa visita, a concelleira amosou a satisfacción que lle produce compartir estas actividades cos membros da asociación: “é das cousas mais gratificantes do traballo que se desenvolve desde a Concellería, sempre é un gusto compartir momentos con eles por todo o cariño que nos dan e as leccións de vida que nos aportan”.

A radio municipal recibe a visita do integrantes da asociación Arcea-Adames

Multimedia

  • A radio municipal recibe a visita do integrantes da asociación Arcea-Adames
  • A radio municipal recibe a visita do integrantes da asociación Arcea-Adames
  • A radio municipal recibe a visita do integrantes da asociación Arcea-Adames
  • A radio municipal recibe a visita do integrantes da asociación Arcea-Adames